As pedras do destino

Imos darlle vidiña ó blog que o temos abandonado. Malo é cando unha empeza a pedir disculpas polo abandono da bitácora. Imos sincerarnos, que para iso son os blogs. A libreira está que se sube polas paredes facendo o que fan os que venden periódicos, que é maldecir todo o puto día ás distribuidoras que abusan dos quioskeiros enchendolles os locais de lixo e facturándolles cifras astronómicas por cousas que nunca pediron.

Pero como aquí non estamos para loitar contra o sistema corramos un “estúpido” velo e pasemos a falar de libros e viños.

Onte estiven na libraría Sisargas, (unha desas empresas que fomentan o separatismo, algo debe estar a facer mal a nosa libreira se non sae nunha lista neghra da Falange) en Coruña porque o noso amigo Oscar Losada, presentaba o libro As pedras do destino, na colección catavento da editorial Tambre.

Houbo un animado debate trala presentación e sen que sirva de precedente merquei o libro. Tamén tomamos uns viños e vin que a libraría en cuestión está moi ben surtida.

Á noitiña empecei a ler a historia que trata das vidas de dous adolescentes aló polo ano 88. Un rapaz vive nun barrio católico de Derry e o outro en Palestina. Dende logo non é un libro politicamente correcto. Literatura xuvenil que tamén vale para adultos. Eu merquei un exemplar para regalarllelo ó meu sobriño.

pedrasdodestino.jpg

Ficha técnica
Código comercial:74431
Título: Pedras do destino, As
Autor/a: LOSADA, Óscar
Colección: Catavento
Nº Colección: 23
ISBN: 9788492404087 Formato: 130 x 220
N.º de páxinas: 128 Encadernación: Rústica plastificada

Sinopsis:

Estamos no ano 1988. Comeza a primeira Intifada en Palestina, mentres en Irlanda do Norte continúa un inmobilismo político que só alenta o extremismo. Malia estar a moitos quilómetros de distancia, un adolescente palestino e outro irlandés levan vidas paralelas. Os dous, un en Nablús e outro en Derry, implícanse no activismo político e apoian con accións a causa do seu pobo. Os dous, asemade, empezan a descubrir o amor.

E supoño que esta música vaille ó pelo.

Aquí podedes ver o mural que sae na portada do libro, e aquí outras fotos de murais.

Divagacións de no bus urbano

EU EN TI

Eu xa te busquéi
cando o mundo era unha pedra intaita.
Cando as cousas buscaban os seus nomes,
eu xa te buscaba.

Eu xa te procuréi
no comenzo dos mares e das chairas.
Cando Dios procuraba compañia,
eu xa te procuraba.

Eu xa te chaméi
cando soio a voz do vento soaba.
Cando o silenzo chamaba polas verbas,
eu xa te chamaba.
Eu xa te namoréi
cando o amor era unha folla branca.
Cando a lúa namoraba as outras cumes,
eu xa te namoraba.

Sempre,
dende a neve dos tempos,
eu, na túa ialma.

Celso Emilio F.***

Hai xente que sae da casa e aínda se persigna, hai quen vai tarareando melodías, hai quen silba. Hai quen pensa na lista da compra sentado no bus, ou na última conversa que tivo polo móbil. Eu cando me aburro ou quero aillarme trato de lembrar versos.

No asento do bus, tentando evitar esas pantallas que nos impoñen e nas que sempre sae o mesmo video (unha tipa cun paraguas meneando o cu e berrando en inglés “ahhh, ahhh, ohhh, ohhh,ahhh,ahhhh”) vou repasando os poemas que aprendín de nena naquel meu primer libro de galego de edicións do rueiro Textos pra o ensino do galego“. Lembro que aqueles libros vermellos estaban sempre pechados no mueble da aula, ate o día da semana que o profesor dicía: “Hoy vamos a hablar todos en gallego y a estudiar por estos libros”.

Cando lle contei a miña nai que na escola tiñamos un libro con cancións en galego foino encargar á librería. Logo era habitual vela a ela copiando as letras das cancións populares que viñan no meu libro. Así descubrimos xuntas a literatura galega, so que ela quedouse cos poemas que xa escoitara musicados como María soliña ou o carro de Manuel María, e eu namoreime doutros, coma Xogo ruín, de Pimentel, Irmaus e Monólogo do vello traballador.

Estas cousas viñeronme á mente ó ver por tantos blogues o poema Deitado frente ó mar. Meu pai facíanos cantar en cada acontecemento familiar o himno galego. Non sabelo era motivo de vergoña. Non había voda, bautizo, manifestación ou acto de calqueira tipo non que meu pai non rematara entoando o himno e forzándonos coa mirada para que nós, seus fillos, o cantáramos ben alto tamén.

Nembargantes hoxe, en calqueira acto que se empeza a cantar o himno confeso que me perdo e non sinto a máis mínima emoción o entoalo. Pola contra, Deitado frente o mar ou o Monólogo do vello traballador xurden con máis forza que mil pinos da miña gorxa. Será que os sinto máis sinceros. O mesmo me sucede co combativos versos de salón de Ramón Cabanillas. Síntoo moito, pero a mín a noite da Frouxeira non me emociona o máis mínimo. Tanto me ten que me pisen uns reis casteláns que uns noxentos nobres galegos. En realidade, resultame incomprensible que se teña como heroe galego a unha figura tan triste coma Pardo de Cela. Pero voltando ó tema, cal era o tema?

Krahe, como tódolos anos

krahe.jpg

Acabo de enterarme que estivo onte Javier Krahe en Carballo. As datas dos próximos concertos son:
3 de xuño - Café Latino (Orense)
4 e 5 de xuño- Dado Dadá (Santiago de Compostela)
6 de xuño- Bar Aturuxo (Bueu)
7 de xuño- Clavicémbalo (Lugo)

krahe2.jpg

Ana, vai pillando as entradas!

No todo va a ser follar- Krahe

Unha libraría de Paris

Hai uns días vagabudeando por flickr, atopeime con unhas fotos da libraría parisina Shakespeare and Company e qué diríades que me viu á mente?

O barrio Latino? Shakespeare? Paris? O olor dos libros? O Ulises de Joyce?

Non, o que lembrei foron escenas daquela vella serie de televisión Os inmortais (Highlander), co atractivo protagonista MacLeod interpretado polo actor Adrian Paul, e a música de Queen. E así de divagación en divagación lembreime daquela fermosa barcaza atracada no Sena, na que o protagonista vivía. E tamén lembrei as veces que saíra esa libraría na serie.

O que non sabía era a história que hai detrás dela, como por exemplo que nos anos 50 moitos escritores como por exemplo Allen Ginsberg, Gregory Corso e William Burroughs se aloxaban alí.

En fín, outro lugar máis para a lista de lugares que visitar.
Máis informacíón en Shakespeare & Co.: Un lugar para soñar

Domingo 18- Santiago

amesa.gif

Poesía e copas

E mañán no pub Momo de Santiago, Alberte Momán, recitando a iso das 21:00 horas.

Lido en Alberte Momán 

17 de maio en Cacheiras

Este sábado, Día das Letras Galegas, non esquezas ó recital poético-musical consistente nun percorrido pola historia da poesía galega que van será recitar e cantar Anxo Angueira e Leo i arremecághona.

Trátase dunha produción absolutamente novidosa e orixinal que probablemente só se poderá ver en Cacheiras.

Hora: ás 20:00 horas
Lugar: local da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras,
Organiza o Concello de Teo.

Chegou unha postal á libraría

Chamame Ana e empeza a falarme dun artigo que leu en El País dunha tipa que fai esculturas con lápices, e como ela anda moi apurada dígolle que eu porei un enlace ó asunto ese.

Pero o gracioso é cando me di que chegou unha postal para ela. Incrible, empezamos a discutir por teléfono de quen era a postal que mandou Igor. En fin, qué tolas!. Quen me coñeza saberá que discutín por costume e por principios, porque me sae de adentro, como dicía o poeta. Pero como sei que a libreira é gran colecionista e eu ando dende hai meses na fase de desapego estóico, díxenlle que podía quedar coa postal e as pegatinas. Estou segura que a vai plastificar ou enmarcar ou algo polo estilo. Pero iso sí, aviso para navegantes, o que me queira enviar algo que poña o meu nome, que logo a libreira ilusiónase e non hai deus que a faga soltar nada.
Aquí deixo a postal e o poema de Igor. E menos mal que existe internet, que si é polo envío tradicional o que tiña que esperar….

macaco200s.jpg

A minha língua quero na tua boca
e nos teus lábios nos teus peitos
E no país inteiro do teu sexo
falar com o idioma que nos pertence
Procurar a humidade com a língua que nos une
para dar-lhe nome ao teu corpo
e repetir em cada rio em cada bosque
em cada outeiro da tua geografia
a promessa de quem ama sem palavras
Com o silêncio das estrelas, tam longínquo e singelo

Na cuneta do tempo

subcomandanta.jpg
Foto vía subcomandanta en Flickr.

Somente o alucinado
na cuneta do tempo,
ó pé do sílex
mordendo unha mazá,
contra corrente
regresa ó Paraíso

Manuel Álvarez Torneiro***

Libro “Dicionario” Xosé Mª Álvarez Blázquez

libroana.jpg

Onte foi a presentación do libro de Ana Acuña na libraría. Foi máis xente da esperada ate o punto de quedar algúns de pe. Na mesa estaba o editor de 3c3, Antonio Puentes, a concelleira de Cultura Carme Hermida, a autora do libro Ana Acuña e o profesor Xesús Alonso Montero.

entrada02.jpg

Foi unha presentación moi entretida, e na que descubrimos moitas cousas sobre o protagonista do libro “Dicionario” Xosé Mª Álvarez Blázquez.

Ler máis »