A beleza será convulsiva ou non será. André Breton. Nadja
Xa rematei de ler o libro de Xosé Luís Mosquera Camba que se presentou en Carral hai unha semana. Gustoume moito. Tanto o poemario como a portada (que algúns lembrarán tela visto online noutros lares) reflexan unha creatividade individualista lonxe dos sendeiros da manada institucionalizada (hoxe erguinme así de borde).
Polo tanto o que me gusta desta obra é que sexa diferente, que a história me remita a outras lecturas e por suposto non é menos aliciente o feito de que unha pense, tamén, que Nadja existe. Por outra banda, gustame mergullarme nunha linguaxe poetica moi fresca e sinxela que fuxe do mero esteticismo (non vos acontece, as veces, que todo o que ledes contén as verbas: imantado, espello, arxila, baleiro, fendas? ).
Alonxándome destas últimas divagacións blogueiras, recoñezo que me custa moito facer unha crítica (por iso non as fago), pero para que vos fagades unha idea direi que Nadja c’est moi é un poemario moi fondo, sentido, emotivo e libre; quer dicir, nada encorsetado.
Por último, para os que se pregunten quen carallo é a tal Nadja, e sexan tan vagos de nin sequera molestarse en ir á Wikipedia, aqui deixo o enlace a André Bretón.

E como tamén me gustou moito o poema que o autor publicou no poemario de Carral Poemas II, vouno pegar aquí, neste blog periférico.
…dun mesmo,
Arrabaldo e nunca centro.
A circunvalación herexe do sangue
E, por suposto, finalmente, o lume.
A música de vento truculenta,
Vella,
Dos Thunderclap e a súa Wilhelmina
Como irrisorio bálsamo
Para tan brutal ferida.
Arden, na noite, todos os motores de explosión
E, ó mencer, o aire cheira a inferno
E os poetas afánanse en citar a Dante.
Os versos conforman un vulgar tratado de urbanismo.
Mozos con rasgos inequivocamente magrebís
Pasan altivos despois de dar por rematada a súa particular versión
Da revolución
Posmoderna.
Xa nada é centro. Todo banlieue
Dun mesmo.
Un coche con queimaduras de, polo menos, terceiro grao xeme no medio da rúa
E soan xa cerca as sirenas
Ou, quen sabe?, Wilhelmina
Está sendo novamente acribillada
Polo brazo ríxido dun tocadiscos
Nunha mansarda carcomida pola traza e a humidade.
***Xosé Luís Mosquera Camba
Gañador do X Certame de Poesía
“Concello de Carral”










