O venres, 29 de xaneiro, ás 20.15 horas, presentase na libraria O Trasno Viaxeiro o libro de Humberto BUSTO, Achegas do alén Miño: Pascoães, Coimbra e Machado na Galiza. Colección NÓS-OUTROS / Ensaio.
No acto intervirán Anxo González Fernández –catedrático de Filosofía da USC e prologuista da obra–, Martiño Noriega –alcalde de Teo–, Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3– e o propio autor.
Este conxunto de traballos recolle investigacións sobre personaxes portugueses que mantiveron unha relación notable con personalidades da cultura galega, viviron en Galicia e reflexionaron sobre ela. Co título «Galiza e Teixeira de Pascoães» analízase a estreita relación do escritor portugués cos homes das Irmandades. No traballo sobre «A Renascença» estúdanse este movemento socio-cultural e a colaboración nel de varios autores galegos. No «Epistolario portugués de Á. Cebreiro: B. Machado» danse a coñecer as 28 cartas lle que dirixe a Cebreiro, dende o seu exilio, o que foi por dúas veces presidente de Portugal. O traballo «Leonardo Coimbra na Galiza: viaxe, cartas e presenza intelectual» descóbrenos a relación do filósofo portugués con varios intelectuais galegos e a viaxe que realiza a Galicia á fronte dunha delegación cultural. Recóllense tamén diferentes cartas inéditas, dous artigos de Risco sobre o pensador portugués, outros dous de Leonardo Coimbra sobre Galicia e a saudade e varias fotos con valor histórico. O limiar é da autoría de Anxo González.

