Desexo de ser punk e de ler

Logo dun ano de tan poucas lecturas estou agora disfrutando moito de libros escollidos a chou. Pero dentro dunha orde, claro. O criterio de elección nestes momentos é escoller autores que xa teño lido e que sei que me gustaron. A semana pasada, lin Deseo de ser punk, de Belén Gopegui, un libro que recomendo, e que trata o tema dunha adolescente que a través do fío conductor da música busca vai cuestionándose o mundo e buscando saidas existenciais. As referencias á música van no senso de atopar algo que te atravese, que te impacte, e non esos ripios de merda que escoitas nos supermercados e centros comerciais. Esa música que nos venden, igual que nos empaquetan e endosan o resto de cousas que se supón necesitamos para levar unha vida feliz. É un bo libro, ben escrito con puntos moi interesantes aínda que me decepcionou un pouco o final, supoño que esperaba un remate da história que me sorprendese e iso non sucedeu. Aínda así, recomendoo, sempre está ben ler algo que nos remova por dentro, como cando escoitas por exemplo a Jello Biafra, que estivo actuando hai uns días por Compostela e deu un concerto moi bo na Sala Capitol.

Outro libro que lín foi Tres, un pequeno poemario de Roberto Bolaño, que é un autor chileno moi importante que arrastra fans incondicionais como esta que suscribe. De Bolaño xa lera Putas asesinas, La pista de hielo, 2666 e La Universidad Desconocida.  A pesares de que me gusta máis o Bolaño narrativo que o poeta, tamén é este un poemario curioso e recomendable.

En galego estou lendo varios autores a un tempo; un dos que xa rematei foi o poemario de Manuel Rivas: A desaparición da neve, publicado en galego, castelán e euskera. Deixo este video que alguén subiu a youtube con poemas deste volume.

E xa seguirei contando, como van as lecturas e recomendando algo para Nadal, por se algún ten tempo para alimentar a alma na invernía.

Post a Comment

Your email is never published nor shared. Required fields are marked *

*
*