De piques, cultura e falacias

Como levaba tempo sen achegarme a un pc veño de darlle un repaso ó meu blogroll e mira tí, xa me deu para outro post.

Resulta que lín que un academico da RAG se picou e andivo a soltar metralla. E claro, xa vin opinións do asunto aquí e alí. Cando o lín viume á cabeza aquilo de “a mín plin que son de lalín”.   O seguinte que pensei foi a quén lle importa este tema? So a catro escritores (comentario sin ningún tipo de segunda intencion). Porque, quén coñece á RAG, ou sabe o qué fai ou qué pinta nas nosas vidas de asalariados mal pagados e puteados?

Aquí o único que nos soa é o que lemos en cada papel de cada acto cultural que se convoca ata na esquina máis remota do país. E eses papeis sempre van co logotipo das mesmas catro fundacións que todos coñecemos. E a quén lle importa que xa non poda haber un acto que non teña lugar na sede do concello, da deputación ou dunha fundación? A quén lle importa que a maioría das subvencións públicas rematen apoiando proxectos liderados por esas empresas, perdón, fundacions sen ánimo de lucro, qué so teñen por finalidade pagar menos impostos e lavarnos a cabeza?

Non, aquí a cultura, so é cultura se ven apoiada polos cartos. E cada día quedan menos recunchos que poda un identificar como autónomos. E logo veñenche co conto de que está ben que nos devolvan estas empresas, en plan labor social, parte dos beneficios. E aquí reiríame se a cousa me fixese gracia. Como non ma fai, simplemente seguirei divagando como unha resentida social.

Pero quedadevos co rolliño cultural institucional e fundacional, porque a cultura galega non lle interesa a ninguén. Por qué? Porque detrás dela sigue estando a SGAE, as caixas de aforro, as grandes empresas e o estado. Porque cando a xente me comenta que isto é unha anarquía, no senso de incoherencía, desconcerto e barullo, eu só podo pensar en que ogallá fose unha anarquía no senso de carecer dun poder público. Aquí cada vez hai máis cabezas a mandar no que debería ser libre.

A cultura non conecta coa xente, pero:  quén se alonxa de quen? Cóntenllo ó común, hanlles preguntar: Franco qué?, namentras voltan á conversa sobre a qué concerto, patrocinado polas grandes entidades, ir este verán.

E porque me gusta, e porque é libre, podedes escoitar se vos peta a free software song

2 Comments

  1. Posted 11/7/2008 at 3:04 pm | Permalink

    Só por alusións: apesar de citalo, a miña postaxe non versaba sobre o académico en cuestión nen as súas declaracións. Se o que anda dicindo polos xornais cando lle apreta a úlcera lle interesa a catro escritores hai tempo que eu non son un deles. O asunto era sobre o día fastuoso/funerario que representan as Letras, se cadra a única vez ao ano no que se presta atención ao que din @s académic@s da RAG, e que parece que si interesa a máis xente.
    En canto á relación cartos/cultura, si que tes razón en moito, pero eu vexo un panorama moito máis optimista e combativo. Falta que as asociacións se planten ao préstamo de pago nas bibliotecas, pero tamén temos os grupos que non cederon á SGAE, os cineclubes, as Regueifas e os Estaleiros (que facedes que non estades nos pontos de venda?). Unha aperta.

  2. Posted 12/7/2008 at 11:41 am | Permalink

    Saudos Mario, Os enlaces ós dous posts so foron porque me enterei da cousa lendo por aí. Despois lin máis nun periodico. Pero como son unha barulleira, eu que só quería empezar dicindo que os da RAG teñen que estar para tomar nota da lingua e non para protagonismos e boutades baratas, deixei sair o becho que levo dentro e rematei soltando outras cousas. Isto aconteceme de cando en vez: De súpeto prodúceme pruídos escoitar a palabra cultura e danme gas de facer fogueiras aínda que non sexa san xoan. E por se non quedou claro arriba, onde puña “catro escritores” podedes sustituilo por “catro gatos”.
    E alédome do teu optimismo cultural, eu pola contra non vexo máis que prohibicińs e censuras, non explícitas, pero sí efectivas.

Post a Comment

Your email is never published nor shared. Required fields are marked *

*
*