EU EN TI
Eu xa te busquéi
cando o mundo era unha pedra intaita.
Cando as cousas buscaban os seus nomes,
eu xa te buscaba.
Eu xa te procuréi
no comenzo dos mares e das chairas.
Cando Dios procuraba compañia,
eu xa te procuraba.
Eu xa te chaméi
cando soio a voz do vento soaba.
Cando o silenzo chamaba polas verbas,
eu xa te chamaba.
Eu xa te namoréi
cando o amor era unha folla branca.
Cando a lúa namoraba as outras cumes,
eu xa te namoraba.
Sempre,
dende a neve dos tempos,
eu, na túa ialma.
Celso Emilio F.***
Hai xente que sae da casa e aínda se persigna, hai quen vai tarareando melodías, hai quen silba. Hai quen pensa na lista da compra sentado no bus, ou na última conversa que tivo polo móbil. Eu cando me aburro ou quero aillarme trato de lembrar versos.
No asento do bus, tentando evitar esas pantallas que nos impoñen e nas que sempre sae o mesmo video (unha tipa cun paraguas meneando o cu e berrando en inglés “ahhh, ahhh, ohhh, ohhh,ahhh,ahhhh”) vou repasando os poemas que aprendín de nena naquel meu primer libro de galego de edicións do rueiro “Textos pra o ensino do galego“. Lembro que aqueles libros vermellos estaban sempre pechados no mueble da aula, ate o día da semana que o profesor dicía: “Hoy vamos a hablar todos en gallego y a estudiar por estos libros”.
Cando lle contei a miña nai que na escola tiñamos un libro con cancións en galego foino encargar á librería. Logo era habitual vela a ela copiando as letras das cancións populares que viñan no meu libro. Así descubrimos xuntas a literatura galega, so que ela quedouse cos poemas que xa escoitara musicados como María soliña ou o carro de Manuel María, e eu namoreime doutros, coma Xogo ruín, de Pimentel, Irmaus e Monólogo do vello traballador.
Estas cousas viñeronme á mente ó ver por tantos blogues o poema Deitado frente ó mar. Meu pai facíanos cantar en cada acontecemento familiar o himno galego. Non sabelo era motivo de vergoña. Non había voda, bautizo, manifestación ou acto de calqueira tipo non que meu pai non rematara entoando o himno e forzándonos coa mirada para que nós, seus fillos, o cantáramos ben alto tamén.
Nembargantes hoxe, en calqueira acto que se empeza a cantar o himno confeso que me perdo e non sinto a máis mínima emoción o entoalo. Pola contra, Deitado frente o mar ou o Monólogo do vello traballador xurden con máis forza que mil pinos da miña gorxa. Será que os sinto máis sinceros. O mesmo me sucede co combativos versos de salón de Ramón Cabanillas. Síntoo moito, pero a mín a noite da Frouxeira non me emociona o máis mínimo. Tanto me ten que me pisen uns reis casteláns que uns noxentos nobres galegos. En realidade, resultame incomprensible que se teña como heroe galego a unha figura tan triste coma Pardo de Cela. Pero voltando ó tema, cal era o tema?


One Comment
Hai himnos que de tanto cantalos ou palabras que de tanto dicilas soan como mecánicas e baleiras.
Pola contra Celso Emilio sempre está ahí: os seus poemas síguenme emocionando como o primeiro día, tanta é a paixón que hai neles.
Unha aperta.