Ante este gran cúmulo de peticións pedindo reseñas, rapidiño e morta de sono, solto un par de impresións daquela enchenta do Nadal. (Agora tamén estou lendo algo, pero non o direi para que non me veñan reclamando críticas ou reseñas).
O que máis me sorprendeu foi a poética de Borges, porque cando a lera hai uns anos non me gustara, nin sintonizará con ela. Agora todo foi distinto e estou enganchada ós seus poemas, tendo que controlarme para non por un post sobre Borges cada día.
Cos que tiven sensacións máis pracenteiras foi cos relatos erótico-sentimentais-festivos-angustiados dos tres libros de Narrativas Quentes: Xeografías, O lobo da xente e Infidelicidades . Se ben é certo que ó meu mozo molestoulle un pouco que me dera tal atracón, porque non o deixei tranquilo nen un segundo. E aunando perversións, o seguinte favorito é Limpeza de sangue porque me lembrou as pelis de Ken Loach, con escenario coruñés. Sinto debilidade pola temática de clase traballadora marxinal e apaleada, ionquis, mendigos, explotadores de traxe caro e demáis ralea. Con Limpeza de sangue quedouseme cara de parva, porque, non sei por mor de qué, pero tiña metido na cabeza que era unha historia da época medieval, con xudeos por medio e expulsións e vai ti saber. Fóraseme a pinza totalmente, supoño que por iso do pensamento único e por deformación medieval, digo profesional. Pero mira ti que non, menos mal! Había moito que non lía teatro, por preguiza, e disfrutei coa trama e os personaxes.
As palabras da neboa sí ten ubicación na idade media, e ten o mérito de que a lin tamén dun tirón sen gustarme demasiado a trama (sí, tamén esotu saturada de atmósfera medieval), todo polo mérito dun estilo que me lembra a Saramago. De feito agora o esta a ler Ana, que seguro que disfruta máis ca min o argumento.
De A lúa dos everglades xa comentara nalgures que é a miña portada favorita e Cardume e ó título que máis me mola. Estas dúas tamén se len rapidiño teñen un argumento interesante, pero conectei menos. Coa primeira porque non empaticei coa parte arxentina (motivos persoais, de novo) aínda que sí tiven me enganchou o desenrolo do argumento en Galicia e Madrid. Con Cardume, a pesar de gustarme a trama, non sei que pasou que fiquei indiferente.
Dos libros de Eva Veiga prefiro Poemas do baleiro a Desconcerto, e de A xeada negra xa falarei cando faga a crítica de Seis cordas e un corazón.
Agora voume a cama que teño na mesiña V de Vendetta: Un comic estremecedor.


One Comment
Moitas gracias. ¡E a seguir lendo teatro!