Son de poesía

Mentras Ana le La ladrona de libros, eu picoteo aquí e acolá. Nestes días lin Son de poesía, un libro que me gustou moito, publicado no 2005 coma homenaxe a varios autores: Antón Tovar, Luisa Villalta, Manuel María e Xela Arias.

Organizado por Xoán Carlos Domínguez Alberte, atopamos no pequeno poemario obras de Alberto Augusto Miranda, Alexandra Bernardo, Alexandre Teixeira Mendes, Ana Romaní, Anxo Angueira, Anxo Pastor, Baldo Ramos, Bernardino Graña, Estibaliz Espinosa, Fernando Martinho Guimarães, Fran Alonso, Gonzalo Navaza, José Carlos Soares, José Viale Moutinho, Lois Gil Magariños, Luisa Mota, Luz Pozo Garza, Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Forcadela, Manuel Vidal Villaverde, Miro Villar, Pedro Gonzalves, Pilar Pallarés, Rafa Villar, Salvador García-Bodano, Vergílio Alberto Vieira, Xabier Rodriguez Baixeras, Xulio L. Valcárcel. Estouno recomendando ós colegas, porque disfrutei moito, destacarei entre os que máis me gustaron un poema de Estíbaliz Espinosa e outro de Bernardino Graña. Deixo un anaquiño do poema de Estíbaliz titulado Polifonías. Visitade tamén a direccion do blog incomunidade, canle de comunicación poética dende Portugal.

Son raros estes humanos.

Un día nacen. Poñen a proba o mundo enteiro.
A persistencia desa inesperada mutación do cosmos chamada vida.
Esa estirpe bastarda de estrelas e de forzas.

Son raros.
Non saben qué facer con eles mesmos. Pois aí os tes.
Recén creadas as mans. Pois aí as tes.
Cando rin en medio das tempestades ou desesperan de puro pracer.
Qué me dis diso que fan coa larinxe. Pode ser inaudible,
malinterpretable, estentóreo, febril…
Rascan cordas sobre a madeira coas crins dun cabalo. E obteñen
algo que non se parece a nada do que existe no universo. O único
que non mimetiza forma ningunha. Que mana coma a sangue dunha
ferida e o seme e a lava.



Post a Comment

Your email is never published nor shared. Required fields are marked *

*
*