Ai que cousas! Todo o mundo comentando que se o himno para aquí que se o himno para alá. Eu prometerame non falar do tema. Pero son débil. Sempre me volto atrás nos meus propósitos.
Por se hai algún despistado remítollo a que antes se poña ó día no tema da polémica sobre o Himno, por exemplo lendo a nova en Si home si e en Im-Pulso .
E como se me da ben facer post con derrapaxe, solto dunha vez que Pondal e Cabanillas non me gustan, literariamente falando, e que os himnos tampouco os trago.
O cal non quita que pense que o que están a dicir sobre o himno son parvadas ben planificadas e intencionadas (está claro que a intención e montar bulla e que entremos todos ó trapo). Escoitar o himno galego traeme moi bos recordos, familiares sobre todo. Pero agora prefiro facer patria botando man do meu favorito, Celso Emilio, ese sí sabia insultar, carallo, sabía dar onde doía.
O TEU EMBIGO É O CENTRO DO MUNDO
Bardo dos viosbardos,
muso don pío pío
versolari monótono
fillastro de Narciso,
de cotío mirándote
o circunflexo embigo.
Homo-sapiens,
lírico-onírico
retórico
putativo
non comungo
contigo
mas non lle fai
poetiso
cóntame
os aburridos
anales e calendas
dos teus ritos
dos teus problemas
mínimos
por exemplo
os suspiros
dos teus insomnios
pírricos,
o culto a Onán
do teu suxetivismo,
os vulgares
mitos
do teu ridículum
vite, vate cativo.
Fálame
sin mimos
da proxenie cen leites
do teu siño
enrugado
e petiso,
pousafol
papafigos
cantamañás
ambiguo
neutro
propicio
do ademán
oblicuo.
Anda,
vicetipo,
conxúgame os teus verbos
favoritos
na primeira persoa
do indicativo.
Fártate do teu nome,
préñate de egotismo
e cando alguén che fale
dos malinos
tempos
en que vivimos,
aldraxados
i ofendidos,
mastigados
e mordidos,
refuga
os indicios,
confirma
o teu indiño
pacto
de pillo,
rexeita
o compromiso
cos ventos
alisios,
cos amenceres
prohibidos
(o engagement
é un perigro).
Aplaude, gaba, eloxia
o confortábel conformismo,
o cardiograma
íntimo,
o perifol
metafísico,
cun aceno
esquivo,
ninfo Exerio
disolutivo,
e marmura
no ouvido
do pesquisador
teu amigo
as pistas no bosque
dos que escriben os himnos.
E sigue piando
helénico e tranquío
ise non tan leve
delator pío pío,
pro dime gran merdeiro
bardo dos brancos lirios,
aedo encortellado
parente de Narciso,
public-relatio-man
do fuxedismo,
cómo non estás canso
de mirarte o embigo.
***Celso Emilio Ferreiro*
¿Tentarán prohibir que se lea isto na escola?


2 Comments
A min tampouco móovenme os hinos, sempre pareceume que teñen un non sei que de gregarismo, mesmo de militarismo, ao marxe de que podan agochar sentimentos lexítimos. No caso do que publicou El Mundo, o grave non é que traduzan mal os versos de Pondal ou que menosprecen o hino; o que molesta é que se inventen significados e utilicen á xeralidade da cidadania galega nas pelexas desa España centralista e bárbara que confunde a vida coa posesión e co dominio. Se “Madrid” –os casteláns son outra cousa– tivera unha natureza similar a de Galicia ou Andalucía, máis língua e cultura propias fai anos que fora independente…
Sí, está claro que non se trata de malentendidos, senon de semear cizaña.