Estou lendo agora Eume e gústame. Ten a frescura e os sons da árbores da fraga. Ten o silencio das pedras molladas e a cor das flores do toxo. Hai ben pouco que andiven pola Fraga do Eume grabando o son do río. Agora tamén podo leelo. Sei que hei marchar de novo a terras desérticas e secas e lembrar esa fraga chea de verdello. Tamén me parece moi fermosa a portada do poemario.

PULCHRITUDO SPLENDOR VERITATIS
Estou no centro mesmo do ollo da ponte.
Ás miñas costas o mosteiro de Caaveiro.
En fronte as vellas ruínas dos muíños de auga.
Nas pozas chapinan os mesmos amantes
sen tempo no tempo.
É a beleza o resplandor da verdade?Que será mellor!
dicir sempre o mesmo sobre as mesmas cousas
como repetía Sócrates ou
dicir sempre algo distinto sobre as mesmas cousas
como repetían os sofistas?Só somos aquilo que formulan as preguntas.
**César Antonio Molina (páx. 15)
Eume
Molina, César Antonio
Editorial: Galaxia
Colección: Dombate (Poesía)
146 páx.
ISBN: 978-84-7154-095-9
Data publicación: xuño 2007
1ª Edición
Segundo poemario en galego de César Antonio Molina.O autor recupera as palabras da tribo a través das augas do Eume, no que se reflicten todosos ríos do mundo. O fluír da vida con Galicia como centro: desde a fraga de Caaveiro ao Ganxes, do Éufrates ao Moldava, do Brahmaputa ao Hudson. O río como patria da palabra, cambiante e sinuosa, extensa e contida nas súas marxes, ruído e rumor ao tempo. Da experiencia viaxeira do poeta mana unha obra de depurada expresión, na que lugares, lembranzas e emocións abrollan como literatura en perpetuo movemento.
(Presentación da editorial)


One Comment
Gracias por lo que me toca!