Hoxe firmaŕan na Feira do Libro da Coruña: Suso de Toro, Agustín Fernández Paz. O escritor Mario Regueira presentará o seu libro Laffiche rouge.
Titulo: Home sen nome
Autor: Suso de Toro
Ano de Publicación: 2006
Xénero: Narrativa
Editorial: Edicións Xerais de Galicia
Coleccion: Narrativa
Número de pax. 400
ISBN. 84-9782-447-4
Nano, encamado no cuarto dun hospital, acompaña durante dous días a un vello terminal, só, entubado e consumido fisicamente. O vello, un home sen nome, un enigma invadido polas lembranzas, entre o delirio e o soño provocados pola medicación, enunciará o monólogo da súa arrepiante biografía centenaria. Unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai, a presenza da sombra do seu irmán xemelgo, o seu paso polo Berlín onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou, o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul. A visita de Celia, unha xove guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos, torturas e violacións e as súas razóns para facelos…Empregando formas achegadas ao drama, Suso de Toro ofrece a súa obra literaria máis ambiciosa: un relato de ficción intenso e emotivo onde pairan como teón de fondo os acontecementos da represión en Galicia durante os días do alzamento e os anos da posguerra. Unha reflexión perturbadora sobre a memoria que deita a mirada dun dos verdugos. Unha novela que procura as palabras necesarias que expresen e absolvan tanta dor afogada.
Titulo: Corredores de sombra
Autor: Agustín Fernández Paz
Ano de Publicación: 2006
Xénero. Infantil-Xuvenil
Editorial. Edicións Xerais de Galicia
Coleccion. Fóra de xogo
Número de pax. 220
ISBN. 84-9782-425-3
Verán de 1995. No pazo dos Soutelo, au facer unhas obras de restauración, descóbrese un esqueleto dentro dunha alfombra enrolada, oculto entre dous tabiques. Un cadáver emparedado hai máis de cincuenta anos cun furado de bala na cabeza. Quen é o morto? Que man empuñou a pistola que o asasinou?
Clara Soutelo, testemuña involuntaria da descuberta, asume o reto de desvelar o misterio que se agocha tras as dúas preguntas. Unha investigación complexa, que a levará indagar no pasado da súa familia. Moito tempo despois, cando xa é maior, decídese a contar os sucesos daquel verán dos seus dezaseis anos, cando descubriu a plenitude do primeiro amor e mudou para sempre a súa forma de entender a vida.
Título: Cartas de inverno
Autor: Agustín Fernández Paz
20ª edición corrixida e ampliada. Incorpora unhas reflexións do autor, “Doce anos despois”, sobre a xénese e a fortuna lectora da novela.
Col. Fóra de Xogo, 6. Edicións Xerais. Vigo, 2007
160 p.
ISBN 978-84-9782-543-2
Tareixa Louzao recibe un voluminoso sobre remitido polo seu irmán Xabier desde un, para ela, descoñecido lugar: Doroña (Vilamaior). No interior inclúense unha carta e outro sobre máis pequeno coa lapela de cerre reforzada por unha fita adhesiva. Na carta, Xabier indícalle á súa irmá que non abra o sobre fechado e que, se antes dunha semana non volve recibir outra misiva súa, llo entregue ó Inspector Soutullo da Comisaría de Vigo.
Pero Tareixa non pode resistir a tentación e abre o sobre. No seu interior aparecen unhas cartas que lle foran remitidas a Xabier polo seu amigo o pintor Adrián Louzao, e que el tardará tempo en recibir por mor dunha longa estadía en Quebec.
No epistolario Adrián fala dos estraños sucesos que está a vivir relacionados coa súa nova casa, e pídelle axuda ó seu amigo.
Titulo: L´affiche rouge
Autor: Mario Regueira Fernández
Ano de Publicación. 2007
Xénero. Narrativa
Editorial. Edicións Xerais de Galicia
Coleccion. Narrativa
Número de pax. 200
ISBN. 978-84-9782-587-0
L’ affiche rouge narra a chegada ao mundo adulto de varios mozos nacidos ao abeiro da transición política. Os personaxes enfróntanse a un contexto onde a conquista da esperanza é só o principio de toda loita política ou persoal, e a súa propia identidade colectiva representa un problema que hai moito tempo ficou sen resolver polas xeracións precedentes. L’ affiche rouge é o retrato dunha xeración que vai ao encontro dunha realidade que non é a prometida, senón un mundo onde a propia identidade persoal é sometida a constantes negacións e agresións nun contexto globalizado e xerarquizado. Os protagonistas adoptarán unha serie de posturas distintas que van desde a completa inhibición até unha revolucionaria e gozosa celebración da diverxencia. Entroncando coa tradición do bildungsroman, ou novela de aprendizaxe, os personaxes atópanse inmiscuídos nun proceso de formación do que o fracaso e a ausencia dos referentes agardados é unha constante.
(As reseñas dos libros son as publicadas polas editoriais)
